Libro Dixital

O Claustro de Profesores e o Consello Escolar do CEIP de  Figueiroa, reunidos o día 13 de maio acordaron, por unanimidade dos asistentes, solicitar a participación como centro piloto no Proxecto E-DIXGAL ao abeiro da Resolución do 22 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014/15.

O proxecto Educación Dixital E-DIXGAL ten o obxectivo de fomentar a utilización do equipamento das aulas Abalar poñendo á disposición dos centros unha contorna virtual de aprendizaxe con libros e outros materiais dixitais cos que poderá desenvolver a totalidade do currículo.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Poden participar nesta convocatoria os centros adscritos á rede Abalar que impartan ensinanzas de 5º de Educación Primaria durante o curso 2014-2015. En anos sucesivos ampliarase os cursos e etapas de implantación deste proxecto.

Características:

    * Deberán empregarse materiais dixitais en todas as áreas.
    * Os centros manterán o programa un mínimo de 3 anos (dúas promocións).
    * Os materiais poderán utilizarse online e offline.
    * Debido á gratuidade do proxecto, o alumnado participante quedará excluído como beneficiario das axudas ou subvencións para adquisición de libros de texto convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
    * Os centros participantes contarán co asesoramento, asistencia técnica e seguimento da rede de formación Permanente do profesorado, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e os servizos de inspección educativa.

Documentación necesaria:

    * Solicitude segundo o anexo da convocatoria.
    * Proxecto concretando a implantación no centro segundo o guión do punto cuarto da convocatoria.
    * Proposta dunha persoa responsable da coordinación do proxecto.